Comezamos o mes de xaneiro cunha mirada posta no próximo xoves 30, data na que celebraremos no centro o Día Escolar da Paz e a Non Violencia. Con esta conmemoración pretendemos reflexionar, todos xuntos, sobre a importancia de valores fundamentais como a amizade, a cooperación, a solidariedade e o respecto.
Durante as próximas semanas, levaranse a cabo distintas actividades co obxectivo de traballar a cultura da paz desde a escola. Entre elas, destacan:
Unha exposición especial na biblioteca con libros relacionados coa paz, a convivencia e a resolución de conflitos. Estes exemplares estarán dispoñibles para a lectura na aula ou para levar en préstamo ás casas. Animámosvos a escoller os que máis vos gusten e a compartilos en familia.
-
A elaboración de murais colectivos nos corredores, nos que uniremos o tema da paz co noso proxecto anual “A nosa cidade”, destacando espazos, persoas ou accións que fomenten a convivencia dentro da vida urbana.
-
Como peche, realizaremos un acto conxunto no patio do colexio, no que participará todo o alumnado. Contaremos cun manifesto, un baile simbólico e a tradicional solta de pombas, como símbolo da esperanza e da unión entre culturas.
Agardamos que todas estas actividades nos axuden a construír, entre todos, un centro onde a paz non sexa só unha palabra, senón unha forma de convivir cada día.