sábado, 30 de maio de 2020

"Retratos nas Letras Galegas 2020"

A proposta das Letras Galegas deste ano, aínda que celebradas de xeito diferente, obtivo unha excelente resposta . Aquí tendes un vídeo feito con todos os debuxos recibidos.
Esperamos que vos guste e atopedes o voso retrato. 
Grazas a todas as persoas que o fixestes posible. 


xoves, 14 de maio de 2020

"Letras Galegas 2020"

Este ano, o autor elixido para as "Letras Galegas 2020", é Ricardo Carvalho Calero. Pero como igual xa sabedes, todos os actos relacionados coa homenaxe a este escritor foron pospostos ata o outono por mor do Covid-19. Aínda así, queremos presentarvos un vídeo que nos fala da súa vida para que o vaiades coñecendo un pouquiño:


Deixámosvos tamén un vídeo cunha lectura dun poema do escritor recitado por unha docente, que nos parece moi axeitado para esta época de confinamento.


E non imos deixar pasar o "17 de Maio, Día das Letras Galegas", sen resaltar a importancia desta conmemoración, data destacada no calendario, por homenaxear a todas aquelas persoas que defenderon o Galego a través da lingua escrita. 
Polo tanto, e como mostra de agradecemento pola súa dedicación, deixamos o seguinte vídeo, unha presentación con todos os escritores e escritoras homenaxeados ao longo dos anos, unha pequena ollada á riqueza do noso Patrimonio Literario.

                                     
E despois desta voltiña polos nomes e fotos de todas e todos eles, temos unha proposta especial para vós:
- Elixide un dos escritores ou escritoras homenaxeado ao longo dos anos
- Collede o seu retrato e facede unha caracterización transformándoo nun SER FANTÁSTICO COIDADOR da nosa Lingua, non esquezades poñer o nome do escritor ou escritora. 
- Cando teñades listo o novo RETRATO tuneado facede unha foto e enviádea ao seguinte correo:
                   manuelvidalportela@gmail.com
- As fotos serán recollidas entre o 18 e o 22 de maio.
Todos os retratos caracterizados recibidos serán expostos conxuntamente polos equipos de Dinamización da Lingua Galega e da Biblioteca do centro nos seus blogs na semana seguinte.
Si queredes ir botando unha ollada aos recursos dispoñibles elaborados por outros centros e entidades, aquí tendes onde atopalos:








Grazas a todas as persoas que colaboraron na elaboración destes recursos e os compartiron para que todo o mundo poida desfrutalos.

luns, 11 de maio de 2020

"Escola Virtual de Lectura para Familias Curiosas"

Hoxe queremos deixarvos unha proposta especial chegada dende o Salón do Libro:
"Escola virtual de lectura para familias curiosas"
Trátase dunha interesante iniciativa que pretende, ao longo de varias sesións, chegar ás familias para fomentar o amor polos libros cos seus fillos e fillas e ofrecer ferramentas que lles axuden nesa tarefa.
Clicade na imaxe e chegaredes axiña.

http://www.pazodacultura.org/actividades/escola-de-lectura-virtual-para-familias-curiosas.aspx

martes, 5 de maio de 2020

"Pandemia de Contos"

Imos presentarvos unha iniciativa que leva xa funcionando dende fai algún tempo. É unha inciativa do colectivo NOGA (narración oral galega), que decidiu compartir contos con todas e todos para axudarnos a pasar un bo rato mentres non podemos escoitalos doutro xeito.
Aquí vos deixamos unha mostra entre outras moitas ás que podedes achegarvos. Neste caso trátase de Pelostortos, unha simpática versión de Atenea García.