xoves, 28 de outubro de 2021

"Mochilas Viaxeiras"

O pasado domingo, 24 de Outubro, celebrouse o Día das Bibliotecas Escolares, e por iso, nesta semana botan a andar as nosas "Mochilas Viaxeiras".
Son 33 as mochilas que neste curso irán rotando de casa en casa, dende 5º de Ed. Infantil ata 6º de Ed. Primaria. Esperamos que disfrutedes da súa estancia entre vós. 
Xorden coa idea de fomentar a lectura en familia e por iso nelas atoparedes materiais para grandes e pequenos. 
Revisade a Guía de Uso que as acompaña e recordade que os materiais que levan son Pequenos Tesouros que temos que coidar.
Agardamos os vosos comentarios e as novas que consideredes oportunas engadir na carpeta.


xoves, 21 de outubro de 2021

"Día das Bibliotecas Escolares 21-22"

A biblioteca escolar é uns dos principais recursos do centro educativo. Polos seus obxectivos, polos servizos, polo seu funcionamento, a biblioteca escolar debe ser un centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe e ademais contribúe á adquisición de todas as competencias básicas do currículo.

24 de OUTUBRO celébrase o "Día das Bibliotecas Escolares".

Para esta data Piquín quere agasallarnos deixándonos un pequeno vídeo e a foto co lema deste ano que é o seguinte:
"A biblioteca escolar ten a palabra"


luns, 11 de outubro de 2021

¡¡¡Abrimos de novo!!!

Ola a todas e todos
Aquí estou de novo, son eu, ¡¡¡PIQUÍN!!!
¡Teño todo disposto para abrir a biblio! 
Estou desexando que veñades visitarme, aínda que este ano teremos que seguir as instrucións con especial atención aínda.
Estará aberta nos recreos e poderedes visitala nos días que teñades asignados para cada curso.
Supoño que estaredes desexando saber sobre o que imos traballar este ano. 
Pois aquí tendes o título do novo proxecto: 
"HORTO-XARDÍN DE PIQUÍN"
Desta volta... queda clariño sobre que imos investigar?
Non precisades de moitas pistas, a que non? 
Imos crear o noso horto-xardín, farémolo coa axuda de todas e todos. No apartado de proxectos tendes xa algúns recursos que iremos ampliando e podedes utilizar.
Tamén me gustaría que deseñarades uns cadernos de campo e neles vaiades recollendo o traballo feito ao longo do curso. Así que, esta sería unha boa tarefa para comezar.
E por último, aquí vos deixo algún que outro vídeo que agardo desfrutedes: