xoves, 26 de marzo de 2026

Entrega de diplomas do Campionato de Xadrez Vidal Portela 2026 ♟️🏆

 Hoxe puxemos o broche final ao Campionato de Xadrez Vidal Portela 2026 coa entrega de diplomas a todas as persoas participantes e tamén ás gañadoras e gañadores 🏆♟️. Foron unhas semanas cheas de aprendizaxe, concentración e moita competitividade sa, nas que o alumnado puido mellorar as súas habilidades e gozar do xogo en boa compañía 😊.

Queremos felicitar especialmente ás persoas gañadoras por ciclos: Brais Hernández (1º ciclo), Xoán Arosa García (2º ciclo, empate) e Lucca Montes (3º ciclo) 👏. Moitas grazas a todas e todos pola participación e o entusiasmo, e xa estamos desexando que chegue o vindeiro curso para repetir a experiencia! 📚✨



martes, 17 de marzo de 2026

📚✨ Trocalibros 2026: compartindo historias e ilusións ✨📖

 

Este domingo participamos, como cada ano, no Trocalibros do Salón do Libro de Pontevedra, unha actividade pensada para fomentar o intercambio de libros e o amor pola lectura entre nenos e nenas. Durante a xornada, tivemos a oportunidade de levar libros que xa lemos e cambialos por outros diferentes, descubrindo novas historias e autores.

Dende o noso cole, o CEIP Manuel Vidal Portela, gozamos moito da experiencia, compartindo lecturas, recomendacións e ilusión polos libros co alumnado doutros centros. Foi unha mañá moi enriquecedora na que, ademais de trocar libros, tamén trocamos ideas, emocións e ganas de seguir lendo.

Sen dúbida, volveremos repetir! 📚

martes, 10 de marzo de 2026

O xadrez toma a biblioteca: Torneo do CEIP Manuel Vidal Portela ♟️🏆

 

Estas semanas estamos a vivir na biblioteca uns días moi especiais co noso torneo de xadrez 🏆. O alumnado de todas as clases está a participar con moita ilusión, poñendo en práctica a súa capacidade de pensar, planificar movementos e manter a concentración.


Ao longo destas xornadas xa se viron enfrontamentos moi interesantes, con partidas moi disputadas e momentos cheos de emoción. O máis importante, sen dúbida, está a ser o entusiasmo por xogar, compartir e seguir aprendendo. Esta actividade tamén nos está permitindo descubrir novos afeccionados e afeccionadas ao xadrez dentro do centro.

A competición continuará e a gran final celebrarase a semana que vén, cando coñeceremos quen consegue chegar máis lonxe neste reto tan apaixonante ♟️.

Moita sorte a todos e todas, e grazas polo gran ambiente que estades a crear! 👏