Este 23 de abril, Día do Libro, na nosa biblioteca escolar rendemos homenaxe aos libros e a todo o que nos regalan: aventuras, risas, emocións, aprendizaxes e unha infinidade de mundos por descubrir.
Para celebralo, organizamos unha actividade moi especial: "Biblio non patio". Durante o recreo, o noso patio transformouse nunha gran sala de lectura ao aire libre. Baixo un ceo azul e un sol que nos acompañou con calidez, os nenos e nenas do cole puideron gozar dos seus libros favoritos, deixándose levar pola maxia das palabras.
Houbo contos compartidos entre amigos, lecturas en voz alta, historias que viaxaban de man en man... e ata recunchos tranquilos para quen prefire ler en silencio! O patio encheuse de páxinas, imaxinación e alegría. Foi unha forma preciosa de lembrar que ler non só é importante, senón tamén moi divertido.
Grazas a todos os que participaron e aos profes que axudaron a que este día fóra tan especial. Feliz Día do Libro a todos e todas! Que a lectura nos siga acompañando sempre, na aula, en casa… e tamén no patio!
Ningún comentario:
Publicar un comentario