luns, 13 de outubro de 2025

🍂 Tempo de Samaín, Magosto e libros! 🎃

Xa chegou o outono á biblioteca do CEIP Manuel Vidal Portela e con el unha nova selección de lecturas moi especiais! Xa temos expostos libros cheos de misterio, cabazas, contos de medo (dos que fan rir máis que tremer) e tamén historias que arrecenden a castañas e fogueiras. É o momento perfecto para deixarse levar pola maxia destas datas e descubrir novas aventuras entre as follas das árbores...e dos libros!

Podedes vir gozar destas lecturas na biblioteca do colexio ou levalas para a casa en préstamo. Animádevos a mergullarvos no espírito do Samaín e do Magosto con boas historias para compartir en familia ou entre amigos. 🍁📚

venres, 10 de outubro de 2025

🎉📖 Chegaron as novas lecturas!

 📚✨ A biblioteca énchese de novidades polo inicio do novo curso! Xa temos á vosa disposición moitos títulos para gozar: desde contos cheos de fantasía ata novelas de intriga, pasando por lecturas que fan rir ou que emocionan.

Nesta ocasión tamén nos chegan sagas moi coñecidas, como Amanda Black ou O diario de Loki, perfectas para engancharse á lectura e non soltar o libro.

Cada historia está agardando por ti… ven descubrir cal será a túa! 💫📖




xoves, 9 de outubro de 2025

🎶 Xa está todo listo para “Melodías sen fronteiras”!

 A nosa biblioteca xa está preparada para acoller o novo proxecto anual “Melodías sen fronteiras”. Na entrada podedes ver o mural temático que nos acompañará durante todo o curso e que nos invita a descubrir como a música une culturas, emocións e persoas. Ademais, xa temos dispoñible un caixón cheo de libros  relacionados coa música e coas propostas que iremos desenvolvendo ao longo do ano.

Este curso queremos que a biblioteca siga sendo un espazo de encontro, creatividade e descubrimento. Ao longo dos próximos meses realizaremos exposicións, , investigacións e moitas actividades nas que a música será o fío conductor. Estade atentos ao blog de Bibliopiquín, onde iremos compartindo novas, recursos e creacións para que toda a comunidade educativa poida participar e gozar deste proxecto.

martes, 9 de setembro de 2025

📚✨ BENVID@S AO NOVO CURSO 2025-2026 ✨🎶

Ola a todas e todos!

Arrincamos un novo curso cheo de ilusións e sorpresas, e queremos darvos a nosa máis calorosa BENVIDA!

As vacacións quedaron atrás e estamos preparando a nosa querida biblioteca para volver abrir as súas portas. Piquín anda atarefado cos últimos detalles porque a GRAN REAPERTURA será na semana do 6 de outubro.

👉 Na semana anterior, do 29 de setembro ao 3 de outubro, realizaremos na biblioteca as presentacións para cada titoría.
Será unha ocasión perfecta para coñecer todas as novidades que vos agardan e descubrir o proxecto especial que nos acompañará durante todo o curso: "MELODÍAS SEN FRONTEIRAS"🎶✨

Preparade a curiosidade... porque este ano imos vivir moitas aventuras entre libros e cancións!


luns, 9 de xuño de 2025

📚☀️ Lecturas para un verán cheo de aventuras 🎶🌊

 Chega o final de curso e, aínda que aínda temos unhas semanas por diante, queremos ir adiantando as nosas propostas lectoras para este verán. Así poderedes descubrílas con calma e preparar o mellor lugar para mergullarvos nelas e desfrutar da lectura.

Boas lecturas e mellor verán! 🌞📖


martes, 13 de maio de 2025

🎉 Celebramos o Día das Letras Galegas 2025 no CEIP Manuel Vidal Portela! 🎉

 Esta semana e a próxima estamos de celebración na nosa biblioteca! Con motivo do Día das Letras Galegas 2025, adicado ás nosas queridas cantareiras galegas, organizamos unha divertida e educativa xincana de actividades, que inclúe un Pasapalabra de música tradicional ou a realización dun mural colectivo.

Durante estas xornadas, o alumnado poderá descubrir a historia e a importancia das cantareiras, mulleres que conservaron e transmitiron a música tradicional galega de xeración en xeración. Ademais, aprenderán sobre a música tradicional galega, coñecendo os seus ritmos, instrumentos e a pegada que deixou na nosa cultura.

A través desta xincana, pretendemos achegar aos máis pequenos e pequenas a riqueza do noso patrimonio musical e literario, fomentando a curiosidade e o amor pola nosa lingua.



martes, 6 de maio de 2025

🌸 Preparámonos para o Día das Letras Galegas cun recuncho moi especial na nosa biblioteca 📚

 No CEIP Manuel Vidal Portela vivimos con entusiasmo cada celebración que pon en valor a nosa lingua e cultura, e poucas datas son tan especiais como o 17 de maio, Día das Letras Galegas. Un día para lembrar, para sentir e para honrar a riqueza literaria da nosa terra.

Con motivo desta celebración tan significativa, desde a biblioteca  preparamos unha estantería temática que recolle unha coidada selección de obras dos autores e autoras homenaxeados ao longo dos anos. Pero non só teremos as súas obras! Tamén reunimos biografías e materiais divulgativos para que poidades coñecer mellor quen foron estes homes e mulleres que deixaron pegada na nosa literatura.

Animádevos a visitala, a mergullarvos nas páxinas dos nosos autores e autoras. Feliz Día das Letras Galegas! Viva a nosa lingua!