martes, 15 de novembro de 2011

"Paco Papán" "Avós"

Ao longo do curso 2010-2011, varios nenos e nenas do cole estiveron traballando cos contos  "Avós" e "Paco Papán". Nas horas de atención educativa fixeron coa profe María Carballo un taller no que ilustraron, prepararon textos, grabaron... Como remate do seu traballo, levaron a cabo varias sesións de contacontos na biblioteca para Ed. Infantil e os primeiros niveis de Ed. Primaria.
Coa presentación que fixeron, as súas voces e unha estupenda peza musical crearon  estes fantásticos vídeos que esperamos vos gusten.







sábado, 12 de novembro de 2011

"Centenario Álvaro Cunqueiro"

Este ano celébrase o centenario de Álvaro Cunqueiro. En decembro cúmprense cen anos do nacemento en Mondoñedo deste gran escritor galego. Cunqueiro definiu a Galicia como "un lugar cunha grande tradición oral pero cunha escasa memoria".
Facendo click na súa foto pódese acceder a web educativa que o concello da Coruña creou para a celebración do centenario e na que se ofrecen diferentes enlaces de interese relacionados coa vida e obra de Cunqueiro.


Image  

O cantautor  Luis Emilio Batallán versiona un dos seus poemas máis coñecidos, "Quen puidera namorala".
No seguinte vídeo temos un fragmento desta fermosa canción.

domingo, 6 de novembro de 2011

"Tempo de castañas"

Estamos no outono, tempo de castañas, cocidas ou asadas. Nas seguintes direccións están recollidos diferentes recursos e actividades. Todos eles están relacionados con esta época do ano.
Facendo click nas diferentes imaxes pódese acceder a cada unha das páxinas.
Grazas a tod@s os que  colaboraron na elaboración das diferentes actividades propostas.


                    

                       Páxina do CEIP Mestres Goldar

                 

Páxina do CEIP Víctor Sáenz                webdenorberto.com

 

luns, 31 de outubro de 2011

"As nosas primeiras experiencias no cole"

Despois de levar máis dun mes na escola, compartindo experiencias, xogando xuntos, colaborando cos compañeir@s, coñecendo os novos espazos e moitas cousas máis... A profe Mayra decidiu  xuntar todos estes momentos nunha película.
Xa nos contaredes que vos parece.


Editado por Mayra. Ed. Infantil 4ºB

domingo, 23 de outubro de 2011

O Samaín

Xa chega o  Samaín, meigas, pantasmas, esqueletos e cabazas. Se facedes click na imaxe podedes acceder a moi variadas actividades, todas elas recollidas na páxina de recursos do C.E.I.P. Víctor Sáenz. Grazas a todos os que colaboraron neste traballo.

 

martes, 4 de outubro de 2011

O outono

O outono chegou, tempo de castañas, tempo de cabazas e tamén de disfrutar coa paisaxe que se nos ofrece nestas datas.



Se queredes xogar co outono, facede click na seguinte imaxe e atoparedes interesantes actividades:

luns, 3 de outubro de 2011

Apertura da biblioteca

Esta semana abre a nosa biblioteca.
A partir do luns poderedes disfrutar do seu uso na hora do recreo. Tamén podedes visitala nas horas establecidas de titoría, e os luns, mércores e xoves polas tardes de 16´30 a 18´30. Recordade que nesas horas da tarde,  os menores de 9 anos tendes que vir acompañados dun adulto.
Para facilitar o uso nos recreos dividimos a semana por cursos.
Os luns e os mércores correspóndelle a 1º e 2º de primaria. Os martes e xoves son para 3º e 4º de primaria. En canto aos maiores, 5º e 6º terán acceso todos os días e en exclusiva os venres. Ademais o último venres de cada mes os bibliotecarios serán os únicos que poderán acudir para reorganizar recunchos e colaborar noutras tarefas da biblio.
Bó curso a todas e todos e esperamos a vosa visita.

mércores, 14 de setembro de 2011

AS BIBLIOTECAS GALEGAS DESPIDEN A Mª DOLORES



Comezamos o curso con tristeza.

Temos que despedir á compañeira Mª Dolores Martínez Tobío, docente no IES Luis Seoane de Pontevedra e responsable da biblioteca escolar do centro. Hai só uns meses que Mª Dolores nos puxo a Salvar Libros por centros de toda Galicia. Salvar os libros que valen a pena, as linguas nas que se escriben eses libros, as bibliotecas nas que se gardan... a memoria dunha mestra que día a día traballou a favor da cultura e a educación.
Este é un documento colaborativo como tantos outros nos que Mª Dolores adoitaba participar co seu habitual entusiasmo. Desgraciadamente convocounos hoxe a súa despedida e pensamos nesta pequena homenaxe que xorde da mesma rede que ela axudou a tecer. Canto tempo e ilusión dedicados a Biblioiris, a súa bitácora vinculada á biblioteca escolar do instituto!  Por iso os nosos blogs lamentan hoxe a súa ausencia. Por iso esta entrada será publicada por moitos outros centros, ademais dos que aquí figuran. Esperamos que este documento saiba representar tamén a tantas persoas que, desde a rede PLAMBE das bibliotecas escolares galegas, desexan expresar o seu pesar e as súas condolencias á familia e amigos da nosa compañeira. Son tantos os centros que a súa relación excede as dimensións deste documento.
Grazas Mª Dolores polas palabras, polas reflexións, polas propostas, polo tempo, polo que fixemos xuntos e que permitirá seguir camiñando pola ruta das bibliotecas escolares.

Cristina Novoa
Pilar Sampedro
Asesoría Bibliotecas Escolares

posanollocurtiscambre 
jdoloresj
 teisolgamuxiavictorsaenztaragonacatoiraquintelatrafgegandoImaxe das ligazóns: Rapaza lendo. Gustav Adolf Hennig   

xoves, 2 de xuño de 2011

MANIFESTO CONXUNTO DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA

Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no  Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:
A insoportable levedade das bibliotecas escolares galegas
Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente  de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na  iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos,  esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes  en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son  seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.
Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos  incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada  centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino  xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro  será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?.
 Colectivo dos equipos das bibliotecas escolares integradas no PLAMBE (Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares Galegas)

mércores, 1 de xuño de 2011

Día Mundial do Medio Ambiente

O 5 de xuño celébrase o "Día Mundial do Medio Ambiente" e o seguinte vídeo  danos unha idea de cales son os obxectivos que se pretenden con esta celebración.



Neste ano foi India a elexida como Anfitrión Global do Día Mundial do Medio Ambiente 2011. O tema deste ano ' Bosques: a Natureza ao Seu Servicio' fai fincapé na relación intrínseca entre a calidade de vida e a saúde dos bosques e os ecosistemas forestais.

luns, 23 de maio de 2011

"Ti es dos meus"

Para celebrar o día das letras galegas, ademais de salvar libros..., no IES Salvaterra de Miño  o profesor de música Fernando Abreu preparou este pequeno agasallo co alumnado de bacharelato. Moitas grazas a todos que colaboraron e compartiron este estupendo traballo para que os demais poidamos disfrutalo.

sábado, 21 de maio de 2011

Por unha educación non sexista

Siete rompecuentos para siete noches - Guía didáctica para una educación no sexista dirigida a madres y padres"Siete rompecuentos para siete noches" é unha aposta pola coeducación en forma de guía para nais e pais. Fomenta a  igualdade entre nenos e nenas e promove uns valores máis xustos para todas e todos. Para botar unha ollada clica na imaxe e accederás ao enlace.

mércores, 18 de maio de 2011

Día do libro

Unha mostra do traballo feito por todo o centro celebrando o Día do Libro na semana do 11 ao 15 de abril.
O tema común elexido foi "Os Bosques". Así de elegantes aparecen os corredoiros de todo o cole.


xoves, 12 de maio de 2011

CORRELINGUA

Esta semana tivo lugar en Pontevedra o "Correlíngua". O acto principal desenvolveuse na praza da Ferrería.
Contou coa presencia de numerosos participantes e entre eles estaban nenos e nenas de Ed. Infantil e Ed. Primaria do noso cole.
Aquí temos algunhas fotos da xornada:


xoves, 5 de maio de 2011

Novas actividades Lois Pereiro


No CEIP COUTADA BEADE elaboraron un LIM sobre Lois Pereiro. Vai dirixido fundamentalmente ao alumnado de primaria. Grazas aos compañeiros deste centro por compartilo.
Clicade na imaxe para enlazar coa actividade e esperamos que vos divirtades.


Ademáis o Seminario Galán creou varias actividades LIM axeitadas para cada ciclo tanto  de Ed. Infantil como de Ed. Primaria.
Clicade no pé das imaxes para acceder a cada unha delas.


1ºciclo Primaria

Ed. Infantil

1ºciclo Primaria
  


2ºciclo Primaria

2ºciclo Primaria


 

3ºciclo Primaria

3ºciclo Primaria



mércores, 4 de maio de 2011

Resumo xornadas Plambe

No seguinte vídeo tedes un resumo dos encontros de Bibliotecas Escolares que forman parte do PLAMBE.
Unha mostra da cantidade de bibliotecas escolares que traballan e abren as súas portas día a día.

Encontros Plan de mellora de bibliotecas escolares 2011 from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

luns, 2 de maio de 2011

Día de Europa

9 de Mayo 2011 - cartel

Cada 9 de maio celébrase o "Día de Europa".  Nesa data no ano  1950, Robert Schuman presentou a súa proposta para a creación dunha Europa organizada, requisito indispensable para o mantemento de relacións pacíficas.
Esta proposta considérase como a orixe da actual Unión Europea.
O lema deste ano promove os dereitos como cidadán da Unión Europea. Ao longo destes días se desenvolverán actividades relacionadas con esta celebración por todo o noso país.
Se clicas no cartel poderás ter acceso a máis información e consultar as distintas actividades programadas.

domingo, 1 de maio de 2011

Festa dos Maios

O venres 29 celebramos no cole a Festa do Maios e foi todo un éxito.
Estivemos toda a mañán traballando para ter un precioso Maio. Particìparon todos os niveis, desde os máis pequechos ata os maiores e logo saímos ao patio para cantar.
Se queredes disfrutar coas fotos de como se fixo e do ben que o pasamos xa as podedes ver na páxina web do cole.

mércores, 27 de abril de 2011

Gañador do Concurso Correlíngua 2011

Un interesante vídeo destinado a promocionar o noso idioma. Foi creado polo IES Fontem Albei  e convertiuse no gañador do Concurso Correlíngua 2011.
Paga a pena pararse un par de minutos. "Fala por sí mesmo".

martes, 26 de abril de 2011

"Letras Galegas"

Lois Pereiro será o  autor homenaxeado  o vindeiro 17 de maio, co motivo da celebración do Día das Letras Galegas neste ano 2011.
Lois Pereiro naceu en Monforte no ano 1958. En vida publicou só dúas obras:
-" Poemas" 1981/1991 (1992)
-"Poesía de amor e enfermidade" (1995)
Morreu na Coruña no ano 1996.
Clica na súa imaxe e terás acceso a súa biografía.

Para celebrar esta data no cole, e en colaboración co equipo de Dinamización Lingüística, ao longo da semana do 9 ao 13 de maio, tentaremos achegarnos á vida e obra deste poeta monfortino.
Cada titoría traballará ademáis, arredor da poesía, creando, ilustrando... textos poéticos en galego. Os traballos elaborados serán recopilados nun libro que pasará a formar parte dos fondos da nosa biblioteca.

A seguinte actividade foi elaborada polo CEIP CONDESA DE FENOSA, neste LIM podemos descubrir información relacionada coa vida e obra deste autor.


 

Se queres máis actividades e información podes consultar tamén os seguintes enlaces:
http://econenos.blogspot.com/search/label/letras%20galegas
videos relacionados

http://loispereiro.wordpress.com/

Grazas a tod@s os que participaron na elaboración das diferentes actividades para logo  compartilas.

venres, 15 de abril de 2011

Os Maios


O venres 29 de abril, celebraremos no cole a Festa dos Maios. Para esta actividade, o alumnado do centro  aportará o material necesario ao longo da semana. Na mañán do venres toda a comunidade educativa participará na elaboración deste Maio.

Cada primeiro de maio a vexetación sae á rúa en forma de "maio", unha construción de diferentes formas feita con elementos vexetais en función da zona na que se elabora e que pode ser enxebre ou artístico. Os "maios" xestáronse para invocar o crecemento das plantas cultivadas e para protexelas de posíbeis ameazas naturais, coma os ratos, toupas... ou os sobrenaturais, as sempre temidas meigas que cos seus poderes poden botar un "mal de ollo" á colleita.
Aínda que comezaron sendo festas propiamente vexetais feitas con pequenas construcións, co paso dos anos foron incorporando bailes e coplas con carácter satírico, completando o sentido popular da festa.

Na Praza da Ferrería  en Pontevedra, celébrase  todos os anos a Festa dos Maios, sendo o Concello o responsable da convocatoria do concurso, ao que poden acceder tanto asociacións culturais, veciñais, centros escolares...
En Pontevedra, o maio tradicional ten forma cónica, de entre 1,5 e 2 metros de altura aproximadamente, adornado con productos tradicionais (fiúncho, pampullos, margaridas, laranxas, cartuchos e ovos).



 E tamén "Ahí ven o Maio", unha visión no tempo

mércores, 13 de abril de 2011

Encontros do Plan Mellora

O pasado venres 8 de abril, tiveron lugar en Santiado os Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares.
Ademais de compartir experiencias, visualizar materiais... tivemos a honra de escoitar a Neira Vilas. Deleitou a todo o auditorio con retazos da súa biografía, un home que sigue loitando pola defensa da súa língua e ao que paga a pena escoitar.
Neste enlace  pódense ver os vídeos dos encontros, incluído o discurso de Neira Vilas,  e atopar todo os materiais da xornada, accédese como convidado.
Grazas ás organizadoras, Cristina e Pilar.

domingo, 10 de abril de 2011

Día Internacional do Libro

O día 23 de abril celébrase o "Día Internacional do Libro" e no noso centro decidimos adicarlle a semana do 11 ao 15 de abril utilizando como tema Os bosques.
Cada nivel traballará sobre unha árbore galega, ben a nivel plástico, como con diferentes textos relacionados.
Aquí vos deixamos dous  vídeos que nos dan idea da beleza dos nosos bosques e da vida presente neles.






martes, 5 de abril de 2011

Día Mundial da Saúde

Este xoves 7 de abril celébrase o "Día Mundial da Saúde" e atopamos un conto xaponés que ten moito que ver co tema: "El cuento de las mil grullas".
Para os xaponeses a grúa é o símbolo da paz como para nós o é a pomba. Pero ademáis simboliza a saúde e unha longa vida. Unha antiga lenda xaponesa promete que calquera que faga mil grúas de papel recibirá un desexo de parte dunha delas, tal como unha longa vida en paz.


Para ver unha presentación do conto clica na imaxe.

sábado, 2 de abril de 2011

Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

O dous de abril é o "Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil",  data na que se lembra o nacemento dun dos grandes autores da Literatura Infantil: 



  "El Patito Feo", "El Traje nuevo del Emperador", "El Soldadito de Plomo", son, entre outras, algunhas das súas coñecidas obras.                                                                                                         

Clica na imaxe para obter máis información sobre esta data.

domingo, 20 de marzo de 2011

21 e 22 de marzo

O próximo luns 21 de marzo marca o inicio dunha nova estación, a primavera. Pero non é simplemente  un día recoñecido por este acontecemento. É tamén o día designado como
  Na seguinte páxina titulada "poemas para peques" do cole de Quintela atópamos unha selección de poemas interesantes. Fai click na imaxe.











No seguinte enlace pódese traballar cunha proposta didáctica interesante:              
No seguinte vídeo podedes escoitar e ver o conto.




En canto ao día 22 de marzo tamén é importante sinalar que está designado como    
O propósito é  decatarse da necesidade dun uso máis responsable deste recurso.

venres, 18 de marzo de 2011

Resultado do traballo cooperativo

Dous novos fermosos traballos feitos por compañeir@s do cole CEIP do Foxo.  Proxectos nos que participou toda a comunidade educativa, e dos que  aquí tendes o resultado. Grazas a todas e todos eles por compartilos con nós.
Creo que vos gustarán, disfrutádeos.
O primeiro é un novo lipdub sobre a paz cunha coñecida canción de fondo.


O seguinte é unha recompilación dos traballos do día do libro respondendo á pregunta "e ti, para que les?"

mércores, 16 de marzo de 2011

O segredo da lectura

Trailer boísimo. Non volo perdades. Creado polo "Canal de Consejo de Comunicación" de México. 
Enviado dende trafegandoronseis.blogspot.com, un dos blogs punteiros no eido das Bibliotecas Escolares Galegas. Grazas.

luns, 14 de marzo de 2011

Outro fantástico traballo

Desta volta trátase dun lipdub feito por un IES galego, traballo similar ao anterior pero máis preto de nós.
Outro grande traballo, resultado da colaboración de todo un equipo de profesorado e alumnado.
Felicidades a tod@s os que participaron na súa elaboración e grazas por compartilo.

domingo, 13 de marzo de 2011

Cantando todo o cole

Un femoso vídeo sobre o enriquecemento das diferenzas, o traballo en grupo, o poder do conxunto. Un grande traballo de todo un equipo formado por grandes e pequenos. Disfrutádeo

xoves, 10 de marzo de 2011

Semana da Prensa

Tal e como ven recollido no Calendario Escolar para este curso 2010-2011, do 8 ao 12 de marzo de 2011, ten lugar a "Semana da Prensa" na escola.
Según se recolle no DOG, un día desta semana traballarase na aula con xornais.
Podemos aproveitar a  ocasión para traballar sobre a importancia dos medios de comunicación escrita e o seu papel como informadores; sobre os xornais e as noticias, que son, para que serven; o formato das noticias, tipos...
Para facilitar esta labor no Ceip Mestres Goldar.Vigo elaboraron unha Escolma de recursos da rede (realizada por Julia González), na que fixeron unha estupenda recompilación de materiais para traballar na aula.
Ao coincidir en datas co Entroido queda moi pouco tempo nesta semana para esta tarefa, polo que podemos utilizar os seguintes recursos para traballar  nas vindeiras semanas.

     SEMANA DA PRENSA        
Grazas a tod@s os que cooperaron na elaboración e presentación destes traballos.

martes, 8 de marzo de 2011

Día da Muller Traballadora

Cal é a importancia deste día, Día Internacional da Muller , cales son os motivos que levan a existencia dun día así. Todavía hoxe moitas nenas e mulleres son privadas dos seus dereitos. Nenas, mulleres que teñen pechadas as portas das escolas, da cultura, da liberdade...
Entre tod@s podemos facer que a situación da muller no mundo mellore.
A educación dos nenos e nenas é parte fundamental desta tarefa.
Canto sabemos  da situación da muller no mundo? Nesta páxina de Unicef podes atopar unha interesante actividade.
No blog Trafegando Ronseis, podemos atopar tamén unha moi boa recompilación de traballos feitos por outros equipos.
Grazas a todos os que elaborastes estes traballos

luns, 21 de febreiro de 2011

Videocontos

Aquí podedes disfrutar cun vídeo moi fermoso que ten algo importante que contar




A continuación, a historia dun neno ao que lle "gustan especialmente" os libros, e, de que xeito!
Si vos gusta, podedes atopar o conto na nosa biblioteca.

xoves, 17 de febreiro de 2011

Vídeo censurado de Michael Jackson

Aínda que censurado nos EEUU, este vídeo vai dando a volta a mundo. Se queres coñecer a orixe de tanto interese preme abaixo  e poderás visualizar o vídeo completo.

domingo, 6 de febreiro de 2011

Día da Paz

O luns 31 celebramos no cole o Día da Paz.
No noso centro tivo lugar un pequeno acto no que se recitaron poesías, se cantaron cancións e se proxectou unha versión da canción" Celebra la vida" ilustrada con traballos feitos polos nenos e nenas.
A celebración rematou coa solta de pombas no patio.
A continuación, parte do alumnado  se desplazou ata a Praza da Ferrería, onde participaron con outros coles no acto conxunto programado para ese día.
Aquí tendes as fotos da xornada.


xoves, 27 de xaneiro de 2011

Recompilación de recursos para a paz

O próximo luns 31 celebraremos no cole o Día Escolar da Paz. No seguinte enlace podemos atopar unha estupenda recompilación de recursos para traballar a Educación na paz. Grazas a todos os que traballaron elaborando e recollendo todo este material.
Esta recompilación provén do Centro de Educación Infantil e Primaria Víctor Sáenz.

                                            

mércores, 12 de xaneiro de 2011

Feliz ano 2011



Logo das vacacións comezamos un novo ano que chegará cheo de novas propostas para tod@s.
Aquí vos deixamos o calendario do 2011 realizado co esforzo de todo o cole.
Este traballo foi elaborado coa intención de  participar no Salón do Libro,  que nesta edición  ten como slogan "É mentira".
Esperamos que vos guste.
Para ver todo o calendario fai click abaixo no enlace.