xoves, 23 de outubro de 2025

📖💫 Nova aventura lectora: as Mochilas Viaxeiras!

 
Hoxe celebramos o Día das Bibliotecas Escolares e queremos aproveitar esta data tan especial para poñer en marcha, un curso máis, unha das nosas iniciativas máis queridas: as Mochilas Viaxeiras.

Estas mochilas, cheas de lecturas e propostas para compartir, teñen como obxectivo fomentar o gusto pola lectura e o tempo en familia.

Como xa é costume, cada semana un neno ou nena levará a mochila á casa durante dúas fins de semana (dez días en total), para poder gozar dos materiais con calma.

No seu interior atoparedes tamén unha carpeta na que podedes deixar debuxos, comentarios ou reflexións sobre as lecturas e actividades. Máis adiante, compartiremos esas achegas co resto da clase.

Pedímosvos que coidedes os materiais e respectedes os prazos de devolución, para que todas as familias teñan a oportunidade de participar nesta experiencia.

Animámosvos a compartir momentos lectores cheos de maxia e complicidade en familia.
Boas lecturas e boas viaxes coas Mochilas Viaxeiras!

luns, 13 de outubro de 2025

🍂 Tempo de Samaín, Magosto e libros! 🎃

Xa chegou o outono á biblioteca do CEIP Manuel Vidal Portela e con el unha nova selección de lecturas moi especiais! Xa temos expostos libros cheos de misterio, cabazas, contos de medo (dos que fan rir máis que tremer) e tamén historias que arrecenden a castañas e fogueiras. É o momento perfecto para deixarse levar pola maxia destas datas e descubrir novas aventuras entre as follas das árbores...e dos libros!

Podedes vir gozar destas lecturas na biblioteca do colexio ou levalas para a casa en préstamo. Animádevos a mergullarvos no espírito do Samaín e do Magosto con boas historias para compartir en familia ou entre amigos. 🍁📚

venres, 10 de outubro de 2025

🎉📖 Chegaron as novas lecturas!

 📚✨ A biblioteca énchese de novidades polo inicio do novo curso! Xa temos á vosa disposición moitos títulos para gozar: desde contos cheos de fantasía ata novelas de intriga, pasando por lecturas que fan rir ou que emocionan.

Nesta ocasión tamén nos chegan sagas moi coñecidas, como Amanda Black ou O diario de Loki, perfectas para engancharse á lectura e non soltar o libro.

Cada historia está agardando por ti… ven descubrir cal será a túa! 💫📖




xoves, 9 de outubro de 2025

🎶 Xa está todo listo para “Melodías sen fronteiras”!

 A nosa biblioteca xa está preparada para acoller o novo proxecto anual “Melodías sen fronteiras”. Na entrada podedes ver o mural temático que nos acompañará durante todo o curso e que nos invita a descubrir como a música une culturas, emocións e persoas. Ademais, xa temos dispoñible un caixón cheo de libros  relacionados coa música e coas propostas que iremos desenvolvendo ao longo do ano.

Este curso queremos que a biblioteca siga sendo un espazo de encontro, creatividade e descubrimento. Ao longo dos próximos meses realizaremos exposicións, , investigacións e moitas actividades nas que a música será o fío conductor. Estade atentos ao blog de Bibliopiquín, onde iremos compartindo novas, recursos e creacións para que toda a comunidade educativa poida participar e gozar deste proxecto.

martes, 9 de setembro de 2025

📚✨ BENVID@S AO NOVO CURSO 2025-2026 ✨🎶

Ola a todas e todos!

Arrincamos un novo curso cheo de ilusións e sorpresas, e queremos darvos a nosa máis calorosa BENVIDA!

As vacacións quedaron atrás e estamos preparando a nosa querida biblioteca para volver abrir as súas portas. Piquín anda atarefado cos últimos detalles porque a GRAN REAPERTURA será na semana do 6 de outubro.

👉 Na semana anterior, do 29 de setembro ao 3 de outubro, realizaremos na biblioteca as presentacións para cada titoría.
Será unha ocasión perfecta para coñecer todas as novidades que vos agardan e descubrir o proxecto especial que nos acompañará durante todo o curso: "MELODÍAS SEN FRONTEIRAS"🎶✨

Preparade a curiosidade... porque este ano imos vivir moitas aventuras entre libros e cancións!


luns, 9 de xuño de 2025

📚☀️ Lecturas para un verán cheo de aventuras 🎶🌊

 Chega o final de curso e, aínda que aínda temos unhas semanas por diante, queremos ir adiantando as nosas propostas lectoras para este verán. Así poderedes descubrílas con calma e preparar o mellor lugar para mergullarvos nelas e desfrutar da lectura.

Boas lecturas e mellor verán! 🌞📖


martes, 13 de maio de 2025

🎉 Celebramos o Día das Letras Galegas 2025 no CEIP Manuel Vidal Portela! 🎉

 Esta semana e a próxima estamos de celebración na nosa biblioteca! Con motivo do Día das Letras Galegas 2025, adicado ás nosas queridas cantareiras galegas, organizamos unha divertida e educativa xincana de actividades, que inclúe un Pasapalabra de música tradicional ou a realización dun mural colectivo.

Durante estas xornadas, o alumnado poderá descubrir a historia e a importancia das cantareiras, mulleres que conservaron e transmitiron a música tradicional galega de xeración en xeración. Ademais, aprenderán sobre a música tradicional galega, coñecendo os seus ritmos, instrumentos e a pegada que deixou na nosa cultura.

A través desta xincana, pretendemos achegar aos máis pequenos e pequenas a riqueza do noso patrimonio musical e literario, fomentando a curiosidade e o amor pola nosa lingua.



martes, 6 de maio de 2025

🌸 Preparámonos para o Día das Letras Galegas cun recuncho moi especial na nosa biblioteca 📚

 No CEIP Manuel Vidal Portela vivimos con entusiasmo cada celebración que pon en valor a nosa lingua e cultura, e poucas datas son tan especiais como o 17 de maio, Día das Letras Galegas. Un día para lembrar, para sentir e para honrar a riqueza literaria da nosa terra.

Con motivo desta celebración tan significativa, desde a biblioteca  preparamos unha estantería temática que recolle unha coidada selección de obras dos autores e autoras homenaxeados ao longo dos anos. Pero non só teremos as súas obras! Tamén reunimos biografías e materiais divulgativos para que poidades coñecer mellor quen foron estes homes e mulleres que deixaron pegada na nosa literatura.

Animádevos a visitala, a mergullarvos nas páxinas dos nosos autores e autoras. Feliz Día das Letras Galegas! Viva a nosa lingua!

mércores, 23 de abril de 2025

Día do Libro e biblio no patio 📚☀️

Este 23 de abril, Día do Libro, na nosa biblioteca escolar rendemos homenaxe aos libros e a todo o que nos regalan: aventuras, risas, emocións, aprendizaxes e unha infinidade de mundos por descubrir.

Para celebralo, organizamos unha actividade moi especial: "Biblio non patio". Durante o recreo, o noso patio transformouse nunha gran sala de lectura ao aire libre. Baixo un ceo azul e un sol que nos acompañou con calidez, os nenos e nenas do cole puideron gozar dos seus libros favoritos, deixándose levar pola maxia das palabras.

Houbo contos compartidos entre amigos, lecturas en voz alta, historias que viaxaban de man en man... e ata recunchos tranquilos para quen prefire ler en silencio! O patio encheuse de páxinas, imaxinación e alegría. Foi unha forma preciosa de lembrar que ler non só é importante, senón tamén moi divertido.

Grazas a todos os que participaron e aos profes que axudaron a que este día fóra tan especial. Feliz Día do Libro a todos e todas! Que a lectura nos siga acompañando sempre, na aula, en casa… e tamén no patio!



martes, 1 de abril de 2025

📚✨ "A maxia da lectura": o club de lectura de 6º do CEIP Manuel Vidal Portela ✨📚

Durante os meses de abril e maio, catorce rapaces e rapazas de 6º de Educación Primaria participan con moita ilusión no noso club de lectura, que leva por nome "A maxia da lectura". Xa están lendo o fermoso libro O mundo máxico de Lía, unha historia chea de fantasía, emocións e aventuras que nos convida a soñar e reflexionar e ambientada en Pontevedra, a nosa cidade.

Cada semana, a biblioteca convértese nun espazo especial onde compartimos opinións, descubrimos xuntos os segredos da historia e, sobre todo, gozamos do pracer de ler.



Porque a lectura non só nos entretén: tamén nos une, nos fai medrar e nos permite ver o mundo con outros ollos.

Ler en compañía é unha experiencia única, e este club é unha mostra do moito que se pode vivir a través dos libros. Seguimos lendo, soñando e deixándonos levar pola maxia das palabras.

📖✨ A lectura é unha viaxe... e estamos encantados de facela xuntos!

martes, 25 de marzo de 2025

📚Novidades fresquiñas na nosa biblioteca📚


A nosa biblioteca está de estrea! Xa temos colocados os novos libros na sección de novidades… e veñen cargadiños de historias para todos os gustos e todas as idades.

Contamos con unha selección moi variada: contos ilustrados para os máis pequenos, novelas cheas de aventuras, historias que nos fan rir, outras que nos fan pensar, libros de ciencia, de misterio, de amizade… ¡e ata algunha biografía sorprendente! Sen esquecer, por suposto, títulos para ler en familia e compartir momentos especiais arredor das páxinas dun bo libro.

Cada exemplar foi escollido con moito agarimo para que todos poidades atopar algo que vos enganche, vos emocione ou vos faga soñar.

Pásate pola biblioteca, bota unha ollada e anímate a levar algunha destas novidades a casa ou á aula. Seguro que hai un libro agardando por ti.

📖💫 Porque cada lectura é unha nova aventura...
¡Non quedes sen a túa!

martes, 18 de marzo de 2025

♟️ Torneo de Xadrez na Biblioteca ♟️

A semana pasada e esta celebramos na nosa biblioteca o Torneo de Xadrez do CEIP Manuel Vidal Portela 🏆. Durante estes días, os nenos e nenas de todas as clases demostraron as súas habilidades estratéxicas, concentración e espírito deportivo nun ambiente cheo de emoción.

Houbo partidas moi igualadas e algunhas vitorias sorprendentes, pero, sobre todo, moitas ganas de aprender e divertirse.



Ademais, o torneo serviu para descubrir novos talentos do xadrez no noso colexio.

Parabéns a todos os participantes polo esforzo e o bo xogo! 👏 E lembrade: o xadrez non é só gañar ou perder, senón aprender en cada partida ♟️🤓.

martes, 14 de xaneiro de 2025

🕊️ Día Escolar da Paz e a Non Violencia 2025 🕊️

Comezamos o mes de xaneiro cunha mirada posta no próximo xoves 30, data na que celebraremos no centro o Día Escolar da Paz e a Non Violencia. Con esta conmemoración pretendemos reflexionar, todos xuntos, sobre a importancia de valores fundamentais como a amizade, a cooperación, a solidariedade e o respecto.

Durante as próximas semanas, levaranse a cabo distintas actividades co obxectivo de traballar a cultura da paz desde a escola. Entre elas, destacan:

  • Unha exposición especial na biblioteca con libros relacionados coa paz, a convivencia e a resolución de conflitos. Estes exemplares estarán dispoñibles para a lectura na aula ou para levar en préstamo ás casas. Animámosvos a escoller os que máis vos gusten e a compartilos en familia.


  • A elaboración de murais colectivos nos corredores, nos que uniremos o tema da paz co noso proxecto anual “A nosa cidade”, destacando espazos, persoas ou accións que fomenten a convivencia dentro da vida urbana.



  • Como peche, realizaremos un acto conxunto no patio do colexio, no que participará todo o alumnado. Contaremos cun manifesto, un baile simbólico e a tradicional solta de pombas, como símbolo da esperanza e da unión entre culturas.

Agardamos que todas estas actividades nos axuden a construír, entre todos, un centro onde a paz non sexa só unha palabra, senón unha forma de convivir cada día.