Esta semana e a próxima estamos de celebración na nosa biblioteca! Con motivo do Día das Letras Galegas 2025, adicado ás nosas queridas cantareiras galegas, organizamos unha divertida e educativa xincana de actividades, que inclúe un Pasapalabra de música tradicional ou a realización dun mural colectivo.
Durante estas xornadas, o alumnado poderá descubrir a historia e a importancia das cantareiras, mulleres que conservaron e transmitiron a música tradicional galega de xeración en xeración. Ademais, aprenderán sobre a música tradicional galega, coñecendo os seus ritmos, instrumentos e a pegada que deixou na nosa cultura.
A través desta xincana, pretendemos achegar aos máis pequenos e pequenas a riqueza do noso patrimonio musical e literario, fomentando a curiosidade e o amor pola nosa lingua.