venres, 31 de outubro de 2025

🎃 Un Samaín de medo no CEIP Manuel Vidal Portela! 👻

 A nosa biblioteca volveu encherse de ilusión, misterio e moitas ganas de desfrutar dunha das celebracións máis queridas polo alumnado. Este Samaín trouxo historias, sustos, cinema e moitas experiencias compartidas ao longo de dous días moi especiais.

O contacontos, que tivo lugar ao longo do mércores e xoves, estivo dirixido a todos os cursos do centro. As narracións envolventes, cheas de fantasía e pequenas doses de medo, fixeron que cada grupo vivise un momento único. Os nenos e nenas escoitaron expectantes, deixándose levar por historias que lles fixeron imaxinar seres misteriosos e escenas sorprendentes.

Despois do contacontos, chegou outra das actividades máis esperadas: o túnel do terror. Curso a curso, o alumnado percorreu o seu interior, preparado con luces, sons e pequenos efectos que fixeron tremer e rir a partes iguais. Os sustos convertéronse en diversión e a valentía compartida en complicidade; unha experiencia que, un ano máis, se converteu nun dos grandes éxitos do Samaín.

Para completar a celebración, o alumnado de 5.º e 6.º de Primaria desfrutou do visionado da película O Apóstolo (Fernando Cortizo, 2012). Esta produción galega en stop motion, finalista nos premios Oscar, cautivou ao alumnado pola súa atmosfera, pola súa orixinalidade e polo ritmo da historia. Saíron encantados, falando das escenas que máis lles impactaron e descubrindo unha obra destacada do noso cinema.

Foron días cheos de emocións, sustos divertidos e momentos para lembrar. Grazas á participación de todo o alumnado e ao traballo do profesorado, este Samaín volveu ser unha celebración chea de maxia e boa convivencia.

💫 Ata o ano que vén, pequenos exploradores do misterio! 🎃

xoves, 23 de outubro de 2025

📖💫 Nova aventura lectora: as Mochilas Viaxeiras!

 
Hoxe celebramos o Día das Bibliotecas Escolares e queremos aproveitar esta data tan especial para poñer en marcha, un curso máis, unha das nosas iniciativas máis queridas: as Mochilas Viaxeiras.

Estas mochilas, cheas de lecturas e propostas para compartir, teñen como obxectivo fomentar o gusto pola lectura e o tempo en familia.

Como xa é costume, cada semana un neno ou nena levará a mochila á casa durante dúas fins de semana (dez días en total), para poder gozar dos materiais con calma.

No seu interior atoparedes tamén unha carpeta na que podedes deixar debuxos, comentarios ou reflexións sobre as lecturas e actividades. Máis adiante, compartiremos esas achegas co resto da clase.

Pedímosvos que coidedes os materiais e respectedes os prazos de devolución, para que todas as familias teñan a oportunidade de participar nesta experiencia.

Animámosvos a compartir momentos lectores cheos de maxia e complicidade en familia.
Boas lecturas e boas viaxes coas Mochilas Viaxeiras!

luns, 13 de outubro de 2025

🍂 Tempo de Samaín, Magosto e libros! 🎃

Xa chegou o outono á biblioteca do CEIP Manuel Vidal Portela e con el unha nova selección de lecturas moi especiais! Xa temos expostos libros cheos de misterio, cabazas, contos de medo (dos que fan rir máis que tremer) e tamén historias que arrecenden a castañas e fogueiras. É o momento perfecto para deixarse levar pola maxia destas datas e descubrir novas aventuras entre as follas das árbores...e dos libros!

Podedes vir gozar destas lecturas na biblioteca do colexio ou levalas para a casa en préstamo. Animádevos a mergullarvos no espírito do Samaín e do Magosto con boas historias para compartir en familia ou entre amigos. 🍁📚

venres, 10 de outubro de 2025

🎉📖 Chegaron as novas lecturas!

 📚✨ A biblioteca énchese de novidades polo inicio do novo curso! Xa temos á vosa disposición moitos títulos para gozar: desde contos cheos de fantasía ata novelas de intriga, pasando por lecturas que fan rir ou que emocionan.

Nesta ocasión tamén nos chegan sagas moi coñecidas, como Amanda Black ou O diario de Loki, perfectas para engancharse á lectura e non soltar o libro.

Cada historia está agardando por ti… ven descubrir cal será a túa! 💫📖




xoves, 9 de outubro de 2025

🎶 Xa está todo listo para “Melodías sen fronteiras”!

 A nosa biblioteca xa está preparada para acoller o novo proxecto anual “Melodías sen fronteiras”. Na entrada podedes ver o mural temático que nos acompañará durante todo o curso e que nos invita a descubrir como a música une culturas, emocións e persoas. Ademais, xa temos dispoñible un caixón cheo de libros  relacionados coa música e coas propostas que iremos desenvolvendo ao longo do ano.

Este curso queremos que a biblioteca siga sendo un espazo de encontro, creatividade e descubrimento. Ao longo dos próximos meses realizaremos exposicións, , investigacións e moitas actividades nas que a música será o fío conductor. Estade atentos ao blog de Bibliopiquín, onde iremos compartindo novas, recursos e creacións para que toda a comunidade educativa poida participar e gozar deste proxecto.