martes, 19 de novembro de 2019

"Club de Lectura"

Este ano, como novidade da Biblioteca, puxemos en marcha un Club de Lectura para alumnado de 6º de Primaria: "O Club dos nove lectores"
Iniciamos as actividades do Club o día 11/11/19 coa asistencia de 9 participantes. 

Tentamos que o comezo fose doce e preparámolo con moito agarimo.
Na primeira sesión fixemos a presentación, buscamos un nome, decidimos as bases e cada asistente recibiu o 1º libro proposto para ler.

Ademais entregámoslles un marcapáxinas e unha libreta para que poidan tomar notas de todo aquilo que queiran comentar ou debater.
Ao remate da sesión propuxemos os primeiros capítulos de lectura.

Na 2ª sesión, xa metidos na historia, falouse do acontecido e cadaquén deu a súa opinión sobre personaxes, sucesos...





luns, 18 de novembro de 2019

"Anxo Moure e Servando Barreiro"

Neste mes de Novembro estiveron no cole Anxo Moure (Carballo con Botas para moitas persoas) e Servando Barreiro.
Cantaron e contaron historias e con eles entramos no "Mundo da Fantasía". Alí nos presentaron a diferentes seres que sempre os acompañan e que nos enfeitizaron. 
Gustounos moito escoitalos e formar parte das súas historias.

domingo, 29 de setembro de 2019

¡¡¡Abrimos XA!!!

¡¡¡E xa estamos listos!!!
A biblioteca abrirá de novo as súas portas o día 7 de OUTUBRO.
Temos moitas novidades que presentarvos e como non podía ser menos, unha nova proposta para desenvolver xuntos.
Neste curso imos meternos nun mundo que seguro vos vai entusiasmar. O título do novo proxecto é:
"UN MUNDO DE FANTASÍA"
¿Queredes algunha pista?
Investigaremos sobre os Seres Fantásticos que aparecen nos libros e que ademais son coidadores da Natureza: fadas, gnomos, trasnos, seres mitolóxicos...
No apartado de proxectos xa temos algúns recursos que iremos ampliando e que podedes consultar.
Agardamos que disfrutedes da nova proposta ao longo do curso.
E para comezar, aquí deixamos algún que outro vídeo:


martes, 10 de setembro de 2019

¡¡¡Comeza o novo curso!!!

Ola a todas e todos,
Benvid@s ao novo curso 2019-2020.
A biblioteca estase preparando un ano máis para abrir as súas portas.
Temos unha chea de novidades e propostas para investigar e divertirnos xuntos. Moi pronto recibiredes pistas ao respecto, será en breve, así que, permanecede atentos!!!... pero mentres deixámosvos este vídeo que esperamos sexa do voso agrado: 

venres, 21 de xuño de 2019

"Boas vacacións e bo verán"

Xa chegaron as vacacións... pero antes de rematar, na última semana, quixemos despedir aos bibliotecarios e bibliotecarias voluntarios. Quixemos agradecerlles o seu traballo e esforzo ao longo do curso cun pequeno agasallo.

Algúns deles seguirán con nós en setembro e esperamos que repitan como colaboradores, xa expertos, da biblioteca... outros iniciarán unha nova etapa na que lles desexamos moita sorte.
E para todas e todos: que pasedes unhas moi ¡¡¡Boas Vacacións!!!
Agardamos vervos en setembro con moitas novidades e un novo proxecto por diante.
¡¡¡Bo verán!!!

mércores, 12 de xuño de 2019

"Exposición Final Xuño 19"

O curso vai chegando ao seu fin e na biblioteca temos organizada unha exposición de ferramentas e traballos relacionados coa poesía, base do proxecto deste ano. 
A exposición estará disposta ata o luns 17 para que todo o alumnado poida visitala acompañado sempre dalgún dos seus profes. Esperamos que todos e todas a disfrutedes.









mércores, 29 de maio de 2019

"As nosas Recomendacións lectoras do verán 2019"

Estamos as portas de xuño, recta final para a chegada das vacacións de verán. Imos deixarvos xa as nosas recomendacións bibliográficas para que poidades ir enchendo a mochila. Vaiades onde vaiades, sexan cales sexan os vosos plans, un bo libro sempre vos fará soñar. Así que esperamos sexan do voso agrado para ler na praia, no monte, na casa... ou onde queirades que vos acompañen.

martes, 28 de maio de 2019

"Reportaxe sobre as Letras 19"

A nosa Xincana rematou e todo o cole pasou pola biblioteca para  a realización das actividades propostas. Foron 2 semanas ben intensas, pero todo resultou moi ben e grandes e pequenos desfrutaron dos recunchos previamente preparados. 
Aquí tendes xa algunhas das imaxes destas xornadas.

sábado, 11 de maio de 2019

"Recunchos Letras Galegas 19"

Xa todo está preparado e empezaremos dúas semanas ben cargadiñas de actividade na biblioteca. As Letras Galegas 2019 serán no cole protagonistas dende o luns 13 ata o venres 24.



E antes de dar paso a estas 2 semanas, o venres 10 tivemos no cole a Montse cunha actividade sobre o traxe galego. Con ela iniciamos o percorrido polo traballo feito por Antón Fraguas sobre as tradicións galegas. Montse explicounos como era a vestimenta en Galicia fai moitos anos e como se chamaban cada unha das prendas utilizadas.