venres, 19 de novembro de 2021

"Árbores froiteiras e outras plantas"

As rapazas e rapaces de 6ºA estiveron investigando arredor das árbores froiteiras e outras plantas, como remate fixeron uns estupendos traballos que aquí podedes atopar:



xoves, 18 de novembro de 2021

"Caixas de libros"

Este ano, ademais das actividades de Mochilas Viaxeiras e Itinerarios Lectores, decidimos poñer en marcha no 1º trimestre unha nova: Caixas de Libros para  compartir. 
Cada aula recibiu un lote de libros cunha mensaxe de Piquín, quedarán en clase ata finais de xaneiro e logo serán intercambiados cos compañeiros e compañeiras de nivel. Todo o cole recibiu con alegría este agasallo da Biblioteca, agora toca desfrutalos e coidalos con agarimo.


mércores, 17 de novembro de 2021

"Piquín Junior"

Hoxe Piquín recibiu unha sorpresa mooooooi especial😀
Mateo e Cloe trouxéronlle un agasallo de parte deles e a súa familia. O agasallo viña acompañado dunha carta e foron entregarllo á biblioteca.
Piquín quedou encantado, Piquín Junior chegou para facerlle compañía e agora xuntos desfrutarán compartindo contos e aventuras.
¡¡¡Moitíiiiiisimas GRAZAS Mateo, Cloe e familia!!!



xoves, 28 de outubro de 2021

"Mochilas Viaxeiras"

O pasado domingo, 24 de Outubro, celebrouse o Día das Bibliotecas Escolares, e por iso, nesta semana botan a andar as nosas "Mochilas Viaxeiras".
Son 33 as mochilas que neste curso irán rotando de casa en casa, dende 5º de Ed. Infantil ata 6º de Ed. Primaria. Esperamos que disfrutedes da súa estancia entre vós. 
Xorden coa idea de fomentar a lectura en familia e por iso nelas atoparedes materiais para grandes e pequenos. 
Revisade a Guía de Uso que as acompaña e recordade que os materiais que levan son Pequenos Tesouros que temos que coidar.
Agardamos os vosos comentarios e as novas que consideredes oportunas engadir na carpeta.


xoves, 21 de outubro de 2021

"Día das Bibliotecas Escolares 21-22"

A biblioteca escolar é uns dos principais recursos do centro educativo. Polos seus obxectivos, polos servizos, polo seu funcionamento, a biblioteca escolar debe ser un centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe e ademais contribúe á adquisición de todas as competencias básicas do currículo.

24 de OUTUBRO celébrase o "Día das Bibliotecas Escolares".

Para esta data Piquín quere agasallarnos deixándonos un pequeno vídeo e a foto co lema deste ano que é o seguinte:
"A biblioteca escolar ten a palabra"


luns, 11 de outubro de 2021

¡¡¡Abrimos de novo!!!

Ola a todas e todos
Aquí estou de novo, son eu, ¡¡¡PIQUÍN!!!
¡Teño todo disposto para abrir a biblio! 
Estou desexando que veñades visitarme, aínda que este ano teremos que seguir as instrucións con especial atención aínda.
Estará aberta nos recreos e poderedes visitala nos días que teñades asignados para cada curso.
Supoño que estaredes desexando saber sobre o que imos traballar este ano. 
Pois aquí tendes o título do novo proxecto: 
"HORTO-XARDÍN DE PIQUÍN"
Desta volta... queda clariño sobre que imos investigar?
Non precisades de moitas pistas, a que non? 
Imos crear o noso horto-xardín, farémolo coa axuda de todas e todos. No apartado de proxectos tendes xa algúns recursos que iremos ampliando e podedes utilizar.
Tamén me gustaría que deseñarades uns cadernos de campo e neles vaiades recollendo o traballo feito ao longo do curso. Así que, esta sería unha boa tarefa para comezar.
E por último, aquí vos deixo algún que outro vídeo que agardo desfrutedes:



luns, 21 de xuño de 2021

"Contos dos nenos e nenas de 6º"

Os nenos e nenas de 6º rematan a súa etapa no cole. Antes de marchar quixeron agasallarnos con fermosas historias contadas para os máis pequenos.

Un grupo, decidiu crear as súas propias historias para contar, aquí volas deixamos:



 


O outro grupo, fixo 2 estupendas versións dos seguintes contos:

 
Moitas Grazas a todas e todos eles e Moita Sorte no seu camiño.
Clicando na seguinte imaxe podedes ver as fotos destas xornadas:


venres, 4 de xuño de 2021

"Lecturas para este Verán 21"

Xuño chegou e as vacacións de verán a puntiño están. Ben quentiñas aínda, aquí van as nosas recomendacións de lectura para acompañar aos vosos plans. Podemos ler na praia, na casa, no xardín, no parque, no monte...e sempre viaxar lonxe, moi lonxe, ata o espazo e máis alá, cun bo libro nas mans.




domingo, 30 de maio de 2021

"Día Mundial do Medio Ambiente 2021"

O día 5 de Xuño celébrase o "Día Mundial do Medio Ambiente", centrado na restauración de ecosistemas co lema: "Reimaxina, recrea, restaura". Este ano, unha data especial no noso cole, xa que levamos todo o curso traballando arredor do coidado do Medio Ambiente e do Cambio Climático.
Coas propostas desenvoltas arredor do proxecto Co Cambio todo Cambia, cremos que fomos quen de sensibilizar ao noso alumnado sobre a importancia do coidado da nosa contorna e da natureza en xeral.
Nestes meses fíxose especial fincapé en:
- reciclaxe
- elaboración do compost
- coidado do medio natural: plantas, animais e os seus hábitats
- coñecemento de proxectos, persoas e/ou entidades que traballan para mellorar a situación actual do planeta
- accións encamiñadas a frear o Cambio Climático
Todo isto quedou reflectido en diferentes traballos realizados nas aulas. Unha das últimas propostas levadas a cabo, que resume gran parte do feito no ano, foi a elaboración de carteis arredor desta temática. Aquí vos deixamos un vídeo, feito especialmente para conmemorar esta data, con todos os carteis creados no cole e que ven sendo o peche do noso proxecto anual.


Tamén unha imaxe da nosa exposición no corredor da primeira planta:


Ademais, aquí temos dous estupendos traballos dos nenos e nenas de 6º A. O primeiro deles, un glosario de termos relacionados co Medio Ambiente e o Cambio Climático e o segundo un traballo sobre activistas contra o Cambio:
   


E para que vexades como o proxecto "Co Cambio todo Cambia" foi deixando pegada, aquí tendes fantásticos exemplos de reciclaxe:
- Fermosas bolsas de moda partindo do aproveitamento dunha camiseta e pantalón vellos (instrucións de confección incluídas), iniciativa de 2 nenas de 4º de Primara.

                        

- Lindo mural que fai fincapé nas 3 RRR, (reciclar, reducir, reutilizar), feito por unha nena de 4º de Primaria e o seu irmán de 1º de Primaria.


Grazas a todas e todos por compartir tan estupendas ideas.