Ola a todas e a todos!
Despois das vacacións chega o momento de volver ás aulas, reencontrarnos cos compañeiros e compañeiras e comezar unha nova etapa chea de experiencias por descubrir. Desde a nosa biblioteca xa estamos preparando todo para darvos a benvida ao curso 2026-2027!
Este ano emprenderemos unha viaxe moi especial a través do noso novo proxecto: “FACENDO CAMIÑO”, ou “BUILDING OUR WAY” en inglés, xa que traballaremos neste proxecto en colaboración con outros centros europeos dentro do programa eTwinning. Aproveitando a proximidade do Xacobeo 2027, ao longo do curso achegarémonos ao mundo dos camiños, das viaxes, dos encontros e das historias que nacen cando diferentes persoas avanzan xuntas cara a un mesmo destino.
Porque facer un camiño non é só chegar a algún lugar: tamén é descubrir, aprender, compartir e vivir experiencias inesquecibles.
Mentres tanto, Piquín xa anda traballando arreo para deixar a biblioteca preparada para recibirvos de novo. A gran reapertura terá lugar durante a semana do 5 de outubro.
Antes, entre os días 28 de setembro e 2 de outubro, realizaremos as presentacións para os diferentes grupos. Será o momento de coñecer as novidades da biblioteca e descubrir todo o que nos agarda neste novo curso.
🥾📚 Preparade as mochilas, a curiosidade e as ganas de vivir novas aventuras... porque este ano imos FACER CAMIÑO xuntos! ✨🌟