martes, 4 de outubro de 2011

O outono

O outono chegou, tempo de castañas, tempo de cabazas e tamén de disfrutar coa paisaxe que se nos ofrece nestas datas.



Se queredes xogar co outono, facede click na seguinte imaxe e atoparedes interesantes actividades:

luns, 3 de outubro de 2011

Apertura da biblioteca

Esta semana abre a nosa biblioteca.
A partir do luns poderedes disfrutar do seu uso na hora do recreo. Tamén podedes visitala nas horas establecidas de titoría, e os luns, mércores e xoves polas tardes de 16´30 a 18´30. Recordade que nesas horas da tarde,  os menores de 9 anos tendes que vir acompañados dun adulto.
Para facilitar o uso nos recreos dividimos a semana por cursos.
Os luns e os mércores correspóndelle a 1º e 2º de primaria. Os martes e xoves son para 3º e 4º de primaria. En canto aos maiores, 5º e 6º terán acceso todos os días e en exclusiva os venres. Ademais o último venres de cada mes os bibliotecarios serán os únicos que poderán acudir para reorganizar recunchos e colaborar noutras tarefas da biblio.
Bó curso a todas e todos e esperamos a vosa visita.

mércores, 14 de setembro de 2011

AS BIBLIOTECAS GALEGAS DESPIDEN A Mª DOLORES



Comezamos o curso con tristeza.

Temos que despedir á compañeira Mª Dolores Martínez Tobío, docente no IES Luis Seoane de Pontevedra e responsable da biblioteca escolar do centro. Hai só uns meses que Mª Dolores nos puxo a Salvar Libros por centros de toda Galicia. Salvar os libros que valen a pena, as linguas nas que se escriben eses libros, as bibliotecas nas que se gardan... a memoria dunha mestra que día a día traballou a favor da cultura e a educación.
Este é un documento colaborativo como tantos outros nos que Mª Dolores adoitaba participar co seu habitual entusiasmo. Desgraciadamente convocounos hoxe a súa despedida e pensamos nesta pequena homenaxe que xorde da mesma rede que ela axudou a tecer. Canto tempo e ilusión dedicados a Biblioiris, a súa bitácora vinculada á biblioteca escolar do instituto!  Por iso os nosos blogs lamentan hoxe a súa ausencia. Por iso esta entrada será publicada por moitos outros centros, ademais dos que aquí figuran. Esperamos que este documento saiba representar tamén a tantas persoas que, desde a rede PLAMBE das bibliotecas escolares galegas, desexan expresar o seu pesar e as súas condolencias á familia e amigos da nosa compañeira. Son tantos os centros que a súa relación excede as dimensións deste documento.
Grazas Mª Dolores polas palabras, polas reflexións, polas propostas, polo tempo, polo que fixemos xuntos e que permitirá seguir camiñando pola ruta das bibliotecas escolares.

Cristina Novoa
Pilar Sampedro
Asesoría Bibliotecas Escolares

posanollocurtiscambre 
jdoloresj
 teisolgamuxiavictorsaenztaragonacatoiraquintelatrafgegandoImaxe das ligazóns: Rapaza lendo. Gustav Adolf Hennig   

xoves, 2 de xuño de 2011

MANIFESTO CONXUNTO DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA

Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no  Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:
A insoportable levedade das bibliotecas escolares galegas
Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente  de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na  iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos,  esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes  en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son  seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.
Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos  incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada  centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino  xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro  será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?.
 Colectivo dos equipos das bibliotecas escolares integradas no PLAMBE (Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares Galegas)

mércores, 1 de xuño de 2011

Día Mundial do Medio Ambiente

O 5 de xuño celébrase o "Día Mundial do Medio Ambiente" e o seguinte vídeo  danos unha idea de cales son os obxectivos que se pretenden con esta celebración.



Neste ano foi India a elexida como Anfitrión Global do Día Mundial do Medio Ambiente 2011. O tema deste ano ' Bosques: a Natureza ao Seu Servicio' fai fincapé na relación intrínseca entre a calidade de vida e a saúde dos bosques e os ecosistemas forestais.

luns, 23 de maio de 2011

"Ti es dos meus"

Para celebrar o día das letras galegas, ademais de salvar libros..., no IES Salvaterra de Miño  o profesor de música Fernando Abreu preparou este pequeno agasallo co alumnado de bacharelato. Moitas grazas a todos que colaboraron e compartiron este estupendo traballo para que os demais poidamos disfrutalo.

sábado, 21 de maio de 2011

Por unha educación non sexista

Siete rompecuentos para siete noches - Guía didáctica para una educación no sexista dirigida a madres y padres"Siete rompecuentos para siete noches" é unha aposta pola coeducación en forma de guía para nais e pais. Fomenta a  igualdade entre nenos e nenas e promove uns valores máis xustos para todas e todos. Para botar unha ollada clica na imaxe e accederás ao enlace.

mércores, 18 de maio de 2011

Día do libro

Unha mostra do traballo feito por todo o centro celebrando o Día do Libro na semana do 11 ao 15 de abril.
O tema común elexido foi "Os Bosques". Así de elegantes aparecen os corredoiros de todo o cole.


xoves, 12 de maio de 2011

CORRELINGUA

Esta semana tivo lugar en Pontevedra o "Correlíngua". O acto principal desenvolveuse na praza da Ferrería.
Contou coa presencia de numerosos participantes e entre eles estaban nenos e nenas de Ed. Infantil e Ed. Primaria do noso cole.
Aquí temos algunhas fotos da xornada:


xoves, 5 de maio de 2011

Novas actividades Lois Pereiro


No CEIP COUTADA BEADE elaboraron un LIM sobre Lois Pereiro. Vai dirixido fundamentalmente ao alumnado de primaria. Grazas aos compañeiros deste centro por compartilo.
Clicade na imaxe para enlazar coa actividade e esperamos que vos divirtades.


Ademáis o Seminario Galán creou varias actividades LIM axeitadas para cada ciclo tanto  de Ed. Infantil como de Ed. Primaria.
Clicade no pé das imaxes para acceder a cada unha delas.


1ºciclo Primaria

Ed. Infantil

1ºciclo Primaria
  


2ºciclo Primaria

2ºciclo Primaria


 

3ºciclo Primaria

3ºciclo Primaria