domingo, 5 de maio de 2019

"Abril, Mes do Libro"

O mes de Abril estivo cheo de actividades no cole arredor do Libro. Empezamos a nosa programación especial co intercambio programado co Ceip A Xunqueira I para compartir contos. Os maiores do centro viñeron ao noso cole para contar historias aos nenos e nenas de Ed. Infantil. Resultou unha moi grata xornada coa que todos e todas disfrutamos moito.
Pero iso non foi todo.  
O día 23, na hora de ler, o alumnado de 6º foi por todas as aulas contando contos coa axuda de  títeres, kamishibai... e facendo disfrutar a todas e todos con historias elaboradas por eles mesmos. Foi un apadriñamento lector moi especial.

 O día 24 a biblioteca saiu ao patio e todo o alumnado puido disfrutar da lectura na hora do recreo.

 E por último os bibliotecarios voluntarios contaron contos aos pequenos na biblioteca e rematamos a semana cunha sesión de cine na biblio.


                          

xoves, 25 de abril de 2019

"Remata a Semana do Libro 2019"

Este venres 26 de abril rematamos a nosa programación dedicada ao "Libro". Despois das diferentes actividades ao longo da semana rematamos coa proxección na biblioteca, na hora do recreo, de 2 curtas que esperamos vos gusten e as disfrutedes con nós.
Pronto teremos fotos das diferentes xornadas con actividades do "Mes do Libro".



luns, 8 de abril de 2019

"Campionato Xadrez 2019"

Rematou o Campionato de Xadrez deste curso e a tod@s os participantes se  lles fixo entrega dun Diploma. O campionato estivo ben concurrido, houbo un bo número de xogadores e tamén de observadores. A concentración foi grande e o nivel de xogo, sobre todo na final, foi elevado.







Noraboa aos gañadores e a tod@s os participantes por manter vivo o campionato. Aquí podemos ver a entrega de Diplomas de Participación, e como non, foto de grupo para os 5 finalistas.



venres, 29 de marzo de 2019

"Visita especial na Semana da Poesia"

Ao longo da Semana da Poesía fixemos diferentes actividades no centro e entre elas tivemos unha moi especial. O mércores 20,  tres compañeiros xa retirados que estiveron no cole, viñeron ler poesía e pasar un ratiño moi agradable con nós. Disfrutamos moito coa súa visita e gustounos escoitalos e compartir con eles esa mañán.
 





Para ver máis fotos podedes ir ao blog de Dinamización da Língua Galega do noso cole:

mércores, 6 de febreiro de 2019

"Poetas do Lérez"

A entrada da biblioteca xa está chea de peixiños, cos seus poemas fan lucir ben fermosas as augas do noso Lérez. Piquín disfruta das vistas dende a Ponte do Burgo, recitando poemas vai dos libros a xogar cos peixiños e segue buscando novidades que nos atrapen a tod@s.

xoves, 31 de xaneiro de 2019

"Novos materiais na biblioteca"

O equipo de biblioteca quere presentarvos os novos materiais que temos para vós. A partir deste mes de febreiro contaremos con:
- Libros electrónicos para o alumnado do 3º ciclo cos que descubrir outros tipos de lectura e axudar así no desenvolvemento da competencia dixital.
- Novos desafíos para todos, aqueles que gustades dos retos temos varios esperando. Trátase de diferentes xogos manipulables que suporán un gran desafío para todos aqueles que vos atrevades a probalos. 
Esperamos que disfrutedes destes novos recursos e deixedes os vosos comentarios e suxestións na Caixa de Correo de Piquín, deste xeito, entre tod@s colaboraremos para seguir mellorando o funcionamento da nosa biblioteca.

mércores, 23 de xaneiro de 2019

"30 de Xaneiro - Día da Paz"

Este martes, 30 de Xaneiro, celebraremos no cole o Día Escolar da non Violencia e a Paz.
Este ano, relacionado con esta data, un dos aspectos que se  pretende resaltar é o rol das mulleres indíxenas na construcción de redes que sosteñan as súas sociedades. Tamén neses días, concretamente o 28 de Xaneiro, a ONU proclamará oficialmente o ano 2019 como "Ano Internacional das Linguas Indíxenas".
Tendo en conta ambas propostas, no cole desenvolveremos actividades como:
- Investigar arredor da labor das mulleres indíxenas destacadas na Revista Emancipa
- Traballar con vocabulario relacionado coa Paz en diferentes línguas indíxenas
- Elaborar listados de vocabulario utilizando pictogramas
Ademais na biblioteca contaremos cunha exposición de contos relacionados con esta temática e ao longo da semana,  nos recreos, proxectaremos o documental: 
"25 camiños perigosos cara a escola". 
Ao longo da mañán do día 30 todos os cursos sairán ao patio, alí elaboraremos entre todos a palabra PAZ. Entre outras actividades poderemos disfrutar dunha actuación de percusión  do alumnado do 3º ciclo da canción "Si me voy" e da canción "Viva a xente" cantada por todos.
Aquí deixamos os vídeos de ambos temas para que poidades ir practicando:





Na etiqueta
RECURSOS  na cabeceira da páxina, atoparedes máis información e actividades.
Ou...  premede na seguinte imaxe e chegaredes axiña

Grazas por todo o traballo compartido nas diferentes seccións.